Guía do ceo
Anotacións arquivadas nesta categoría
Anotacións arquivadas nesta categoría
Publicado por culturacoruna o 15 out 2009 | Etiquetado como : Ano Internacional da Astronomía, Guía do ceo, astronomía, ciencia
Mercurio acada a súa máxima elongación leste o día 6 (17,9º). Dous días despois entra en conxunción con Saturno pouco antes do abrente; Venus estará tamén moi perto. O día 13 será Venus quen estea en conxunción con Saturno antes da saída do Sol. O día 7 e tamén antes do amencer a Lúa ocultará ás Pléiades, na constelación de Taurus. Xúpiter é visíbel na primeira parte da noite e Marte entra na constelación de Cáncer.
É un bo momento para buscar unha estrela moi brillante e próxima ao horizonte sur, Fomalhaut, en Piscis Austrinus. Pode servirnos de referencia para encontrala outro gran asterismo do ceo, o Gran Cadrado de Pegaso, parte da constelación do mesmo nome. Moi ao sur desta figura veremos Fomalhaut, que destaca nunha zona con poucas estrelas brillantes. Tamén ao sur de Pegasus están Pisces e Cetus, constelacións de estrelas de pouco brillo, pero facilmente observábeis en lugares escuros, os que sempre recomendamos para gozar do ceo. As estrelas máis brillantes de Cetus son Deneb Kaitos e Menkar, mais nesta constelación atópase ademais unha estrela curiosa e moi coñecida, Mira (a Marabillosa), prototipo de variábel pulsante de longo período e a primeira estrela recoñecida por ter variacións no seu brillo. O periodo de Mira (omicron Ceti) é de 332 días. Polo xeral, a magnitude de Mira oscila entre 3,5 e 9, mais presenta máximos e mínimos que poden ser moito máis intensos (ou moito máis febles) que estes valores medios. O seu gran rango de variación e o seu brillo fan que a observación de Mira sexa singularmente doada.
Comentarios pechados