maio 2009

Arquivo mensual

Sánchez Izquierdo é o novo director xeral da CRTVG

Publicado por admin o 29 mai 2009 | Etiquetado como : Cultura

Tal e como era previsible, o Consello da Xunta acaba de aprobar o decreto polo que se nomea a Alfonso Sánchez Izquierdo como director xeral da CRTVG. O Executivo leva a cabo ese nomeamento sen o prometido consenso parlamentario. Na comisión de control da CRTVG desenvolvida onte, no marco dos pasos establecidos pola Lei da Transparencia, amosouse unha nova desavinza entre os diferentes partidos políticos, que acusan aos populares tomar a decisión de xeito unilateral. Por outra banda, no Consello de hoxe tampouco se nomeou á persoa responsable da dirección xeral de Promoción do Sector Audiovisual e contidos Dixitais.

Emma Ríos e Scott McCloud visitarán Viñetas desde o Atlántico

Publicado por admin o 29 mai 2009 | Etiquetado como : banda deseñada

Aos poucos, vanse coñecendo os nomes dos autores que visitarán este ano a Coruña no marco do Festival Viñetas desde o Atlántico. Scott McCloud, coñecido autor e teórico estadounidense é un dos dous nomes confirmados ata o momento. Canda a el, estará no festival asinando exemplares e con exposicións a coruñesa Emma Ríos, que deu o salto este ano ao mercado americano coa serie Hexed.

Palabras xordas para oídos necios (tresCtres editores)

Publicado por admin o 29 mai 2009 | Etiquetado como : Eventos literatura

Estamos ante un conxunto de 5 estudos de poesía que deberán ser lidos na orde correspondente por dous recitadores. As dúas persoas estarán sempre unha ó carón da outra, situándose o Recitador 2 á dereita do n.º 1. Trátase de combinar a creación literario-poética coa musical, observando de forma directa a estreita relación que hai entre ambas e o importante que é a «musicalidade» na creación poética. Inclúe un DVD e ilustracións a color de Cristina Durán.
[Presentación editorial]

Velliñas (OQO)

Publicado por admin o 29 mai 2009 | Etiquetado como : Eventos literatura

Antea e Filipa son dúas velliñas humildes que comparten todo, aínda que o seu todo sexa case o nada: sopa de auga de luns a sábado e un fideo a medias os domingos. Pero son felices ao contar coa súa maior riqueza: o afecto dunha pola outra. Esta historia amosa que somos capaces de facer cousas que parecen imposibles polas persoas que queremos, e que paga a pena chegar a vellos, pero moi vellos, para gozar canda eles dos grandes praceres -un gran banquete- e dos pequenos -unha faba diminuta-.
Charo Pita lémbranos que a idade é un regalo: está chea de vida e de misterios. Unha cara esculpida polas engurras é como unha árbore milenaria. O seu tronco groso florece cada primavera do mesmo xeito que unha persoa anciá con cada amencer. Así son Antea e Filipa, aventureiras do día a día, do carpe diem.
Velliñas é un relato de renacemento na vellez, con elementos máxicos propios dos cantos tradicionais, onde o coidado, a paciencia, a imaxinación e a valentía transforman a rutina de dúas mulleres maiores que se queren cunha alegría e unha forza capaz de vencer calquera contratempo.
Fátima Afonso regálanos neste álbum unha mostra, contida pero eficaz, da súa demostrada capacidade para xerar imaxes de marcado carácter narrativo, con puntuais contraposicións de texto-imaxe que obrigan o lector a resolver mínimos problemas de distanciamento que respectan en todo momento a función narrativa que enmarca e domina o discurso plástico.
A ilustradora lusa propón unha xenerosa serie de planos medios para despregar un discurso dominado sobre todo polos acrílicos, con imaxes repletas de suxestivos detalles narrativos, o que permite gozar dunha lectura demorada e profunda.
[Presentación editorial]

Na terra desluada (Espiral Maior)

Publicado por admin o 29 mai 2009 | Etiquetado como : literatura

[de]construçom (Espiral Maior)

Publicado por admin o 29 mai 2009 | Etiquetado como : literatura

[de]construçom de Susana Sánchez Aríns obtivo no ano 2008 o XXI Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé do Círculo Mercantil e Industrial-Unidad de Fene. O Xurado estvo composto por Alfredo Ferreiro, Rafa Villar e Valentina Carro Padín.

O pouso do fume (Espiral Maior)

Publicado por admin o 29 mai 2009 | Etiquetado como : literatura

"[...]A rotunda insubmisión perante a perda que manifesta Dores Tembrás n`O pouso do fume sitúaa no ronsel das grandes voces que reivindicaron o legado da memoria só que, no seu caso, existe un traballo previo de descodificación e tradución dos complexos signos trazados polo pouso para determinar o seu valor real. Certamente se nada desparece mentres o seu recordo permaneza no substrato sensitivo de alguén, non por iso se pode extrapolar de todo o que se lembra unha mensaxe con valor universal. Do mesmo xeito, a arqueóloga cataloga as pezas que recolle nunha excavación segundo a súa relevancia, discernindo cales conteñen datos imprescindibles e cales son secundarias para reconstruír o pasado. Eis un dos grandes retos que a autora enfrontou para escribir este libro: lograr que nos sobrecolla o desamparo da nena que agarda baixo a chuvia o paso do coche real, a partida do avó a Cuba ou a agresión da couza sobre a casa pechada, cando a nena é un ser anónimo na nosa biografía, descoñecemos a filiación dese avó e a casa nunca nos pertenceu. Ou mesmo facer que os anacos de louza, a botella do doutor Pinard, as pequenas puntadas do ganduxo que desaparecerán ao estar a costura completa, a minúscula cicatriz que fixo o pelouro, o alento suave das mimosas..., en definitiva, o máis insignificante, deixe un pouso imborrable sobre nós, os lectores. Se Dores Tembrás sae triunfante deste reto é porque, negándose a seguir a propensión maioritaria de clausurar baixo unha cicatriz de silencio as traxedias con que a vida nos proba, decide romper o mutismo e cauterizar esas feridas cunha marca de fogo e de palabras [...]"[Fragmento do prólogo Tatuaxes de Fume por Teresa Seara]

Gardádeme a esperanza (Espiral Maior)

Publicado por admin o 29 mai 2009 | Etiquetado como : Eventos literatura

Onde o aire non era brisa (Galaxia)

Publicado por admin o 29 mai 2009 | Etiquetado como : Eventos literatura

Escrita en 1969, é a primeira novela de María Victoria Moreno, a única obra en castelán dunha escritora que logo había publicar en galego preto de corenta títulos.
A autora de Anagnórise, unha das obras de literatura xuvenil máis lidas en Galicia, relata nesta novela, que permanecía inédita, as experiencias dunha mestra nova nunha vila de Castela durante a década de 1960.
A pobreza, o poder eclesiástico e o analfabetismo dominan unha paisaxe social desoladora, descrita cunha prosa diáfana que deixa translucir a sensibilidade singular da súa autora.
[Presentación editorial]

Ensaios a proba do tempo (Galaxia)

Publicado por admin o 29 mai 2009 | Etiquetado como : Eventos literatura

A obra ensaística do autor de O segredo do humor e introdutor de Heidegger en Galicia non era abondo coñecida por estar publicada de xeito disperso. Por primeira vez reúnense nun libro ensaios e artigos que, co paso do tempo, adquiren aínda meirande relevancia e multiplican os seus significados.
Neste libro reúnese un mangado de ensaios publicados en libros, revistas e prensa. Recompílanse por primeira vez e edítanse ordenados cronoloxicamente pola data de publicación. Tamén se respecta o idioma no que foron dados a coñecer, quer galego quer castelán, en función do momento no que foron escritos e do medio de comunicación ao que ían destinados. O autor, en carta de 1974, propuxo a idea e o título: "Reproduzo os ensaios tal como foron publicados, é dicir, someténdoos á proba do tempo".
Limiar de Antón Baamonde.
[Presentación editorial]

Seguinte páxina »