novembro 2008

Arquivo mensual

De Profundis (El Patito Editorial)

Publicado por admin o 10 nov 2008 | Etiquetado como : literatura

Érase unha vez unha casa no medio do Mar. A casa tiña unha torre que miraba ao Poñente, unha escalinata que se adentraba nas augas, e unha árbore, polo Levante, que floreaba entre marzo e abril.

Alí vivían, namorados, unha muller que tocaba o violonchelo e un pintor engaiolado polo Mar e as súas criaturas, polos segredos que gardan as súas profundidades, os seres marabillosos que el imaxinaba que as poboaban e polas costas de terras afastadas no cabo do mundo, ás que as súas augas podían conducir se se sabía encontrar o rumbo.
[Presentación editorial]

Fendas abertas (Edicións Xerais de Galicia)

Publicado por Redaccion o 10 nov 2008 | Etiquetado como : Sen clasificar

Fendas abertas céntrase na idea da cuestión nacional, abordando a súa relación coa globalización, coa esquerda e o Estado; co papel asignado a Galiza no magma xeral da globalización capitalista; coa singularísima condición dun nacionalismo, o español, de sempre esquecido; e, en suma, a natureza da cuestión nacional na Unión Soviética e o acontecido na Europa central e oriental contemporánea, no que a aquela atinxe, nos dous últimos decenios. O libro, escrito nunha linguaxe sempre comprensible, desenvolve perspectivas que non son, con claridade, as que defenden a maioría dos estamentos de poder no mundo contemporáneo; e configura un material polémico desde o que repensar moitas das discusións, a miúdo agres, que se interesan pola cuestión nacional a principios do século XXI.
[Presentación editorial]

Anti Natura (Edicións Xerais de Galicia)

Publicado por Redaccion o 10 nov 2008 | Etiquetado como : Sen clasificar

Anti natura é unha viaxe polo saber. María Xosé Queizán descobre as trampas e simplifica as teorías que, desde Aristóteles ata Freud, lexitimaron o patriarcado, deténdose nas distintas concepcións do feminismo e apoiándose nos valores racionais de igualdade e xustiza. O saber é quen de mudarnos a mirada e de automodificarnos, de suprimir a opresión e a apropiación patriarcal; con todo, os cambios non serán inmediatos, a pesar das leis, e nin sequera se producirán de balde: traerán o custo do enfrontamento cos intereses sociais, políticos e económicos acomodados á situación, así como un custo de vidas humanas que as mulleres xa están a pagar. Toda viaxe leva a algures: esta viaxe parte do saber científico para rescatar as mulleres da escuridade á que estiveron predestinadas durante séculos para conducilas á luz pública.
[Presentación editorial]

Poderosa (Edicións Xerais de Galicia)

Publicado por Redaccion o 10 nov 2008 | Etiquetado como : Sen clasificar

Joana Dalva vive cos seus pais, cun irmán pequeno, que é o neno máis pesado do mundo, e coa súa avoa, que pasa os días na cama sacando a pintura da parede coas unllas e que non se decata do que pasa ao seu redor. Este é o ambiente no que vive unha rapaza que soña con ser escritora.
Un día fai unha redacción sobre Xoana de Arco e provoca unha reviravolta na historia e nela mesma. Se unha simple redacción podía cambiar o pasado, por que non usar a literatura para cambiar o presente? Joana Dalva non dubida en converter a ficción en realidade. O problema é que cada texto que ela escribe provoca consecuencias imprevistas, orixinando outros textos que traen novos problemas. É o xogo do gato e do rato que acaba escapando do seu control. Para participar nese xogo non é preciso ter a idade de Joana Dalva, nin sentir na pel os conflitos e as espiñas da adolescencia.
Esta novela de Sérgio Klein, que obtivo enorme éxito no Brasil, é para todos os lectores e lectoras que cren no poder transformador das palabras.
[Presentación editorial]

Mal de escola (Edicións Xerais de Galicia)

Publicado por Redaccion o 10 nov 2008 | Etiquetado como : Sen clasificar

Daniel Pennac, na liña narrativa de Coma unha novela (Xerais 1993), aborda en Mal de escola a cuestión da escola e da educación dende o punto de vista dos malos alumnos. O autor, un dos máis celebrados das letras francesas contemporáneas, un pésimo estudante adolescente, estuda esta figura do folclore popular outorgándolle a nobleza que se merece e restituíndolle a carga de angustia e dolor que a acompaña. Mal de escola mestura as testemuñas autobiográficas (como estudante e profesor que exerceu a docencia durante vinte e cinco anos nun instituto de París) con reflexións sobre a pedagoxía e as disfuncións da institución escolar, o papel dos pais e da familia co papel da televisión e dos medios de comunicación actuais, a sede de aprendizaxe coa dor de ser un mal estudante, o sentimento de exclusión do alumno e o amor á ensinanza do profesor. Mal de escola, Premio Renaudot 2007, obra traducida ao galego por Xavier Senín Fernández e Isabel Soto López, é un fenómeno editorial en Francia capaz de reabrir, tamén en Galicia, un gran debate arredor das razóns do fracaso escolar e do estado e do futuro da educación pública.
[Presentación editorial]

Eu tamén son fonte (Galaxia)

Publicado por Redaccion o 10 nov 2008 | Etiquetado como : Sen clasificar

Fermoso álbum ilustrado polo pintor Leandro Lamas, con texto de Teresa Moure.
Nesta nova obra, Teresa Moure preséntanos un texto poético para unha historia fermosa sobre o amor, a vida, e a intimidade gozosa entre as nais e os seus fillos e fillas.
Eu tamén son fonte, pola beleza do texto e das ilustracións, está chamado a convertirse nun dos acontedementos editoriais deste derradeiro trimestre do ano.
[Presentación editorial]

Relatos completos. 1961-1995 (Galaxia)

Publicado por Redaccion o 10 nov 2008 | Etiquetado como : Sen clasificar

Este libro reúne os relatos completos de Camilo Gonsar, autor dunha das obras narrativas máis singulares das escritas en Galicia desde a década de 1960.
Entre Lonxe de nós e dentro, publicado en 1961, e Arredor do non, de 1995, o seu mundo ficcional afírmase e expándese. O tradicional pode ser moderno e o autóctono semellar alleo, vida urbana e vida rural non se opoñen, narración e pensamento fúndense para penetraren no lector con esa humilde capacidade de suxestión que só os grandes escritores posúen.
[Presentación editorial]

Primeiros diarios galegos (1808-1809) (Consello da Cultura Galega)

Publicado por Redaccion o 10 nov 2008 | Etiquetado como : Sen clasificar

O Consello da Cultura Galega, preocupado por colaborar no estudo das manifestacións do pobo galego ao longo da súa historia, quere celebrar a aparición dos primeiros diarios en Galicia coa súa edición facsimilar. Xunto a ela, publícase un conxunto de traballos onde distintos expertos explican o contexto en que apareceron eses medios impresos e as súas características. Pareceu apropiado achegar á edición facsimilar un volume de estudos críticos en que diversos estudosos do ámbito histórico e xornalístico analizan as características e o relevo destes medios. Deste xeito, dáselle continuidade a unha liña de traballo que comezou no ano 2000 coa edición facsimilar do primeiro fito do xornalismo en Galicia: El Catón Compostelano.

A proposta para recuperar en edición facsimilar as primeiras cabeceiras galegas nacidas en 1808 ao abeiro da Guerra da Independencia partiu da Sección de Comunicación e do Arquivo de Comunicación do Consello da Cultura Galega. O proxecto, que contou dende o primeiro momento co apoio activo do profesor Xosé Ramón Barreiro Fernández, desenvolveuse mediante un convenio coa Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia, que, da man do seu secretario, o xornalista e profesor universitario Fernando Salgado, quixo sumarse ás iniciativas para coñecer un pouco mellor o nacemento dos diarios en Galicia e as súas características como produtos informativos.

O traballo de localización e edición dos catro títulos analizados –Diario de Santiago, Diario de la Coruña, Telégrafo Político y Literario de la Coruña e Gazeta de la Coruña (nacidos a mediados de 1808 e cesados coa chegada dos franceses a Galicia en xaneiro de 1809)–, levouno adiante a profesora, escritora e técnica do Consello da Cultura Galega, Rosa Aneiros, coa colaboración do profesor Xosé Ramón Barreiro Fernández. Polo seu interese, e dado que nunca se traballou este campo en profundidade, valorouse tamén como importante a inclusión da chamada Gazeta francesa –en realidade continuación da Gazeta de la Coruña, baixo o mesmo título pero con espírito afrancesado– vixente entre xaneiro e xuño de 1809. A presenza da gazeta, de periodicidade bisemanal, neste proxecto de primeiros diarios galegos (1808-1809) vén determinada polo seu interese histórico. Así pois, esta edición facsimilar abrangue un ano de apaixonante historia xornalística dende a data de nacemento dos diarios ata a expulsión dos franceses de Galicia. Nese tempo, a loita, as arengas, as proclamas, as cartas, os correos, a disputa, en definitiva, a rebelión ideolóxica da man dos «papés públicos».
[Presentación editorial]

Preguntas que poñen os pelos de punta 1 : sobre a auga e o lume (Edicións do Cumio)

Publicado por Redaccion o 10 nov 2008 | Etiquetado como : Sen clasificar

Libro de ciencias cheo de preguntas e respostas que axudarán a nenos, e non tan nenos, a comprender o mundo dunha maneira amena e divertida.
As explicacións veñen acompañadas de moitos datos curiosos e historias que axudarán a espertar o interese de todos pola ciencia. Este é o primeiro volume dunha colección de libros elaborados por unha física e unha bióloga arxentinas, Carla Baredes e Ileana Lotersztain, ás que se lles une o debuxante Javier Basile aportando unha nota de humor. As súas publicacións foron recoñecidas con varios premios a nivel internacional.
É un libro recomendado para curiosos de entre 8 e 108 anos.
[Presentación editorial]

Preguntas que poñen os pelos de punta 2. Sobre a Terra e o Sol (Edicións do Cumio)

Publicado por Redaccion o 10 nov 2008 | Etiquetado como : Sen clasificar

"Preguntas que poñen os pelos de punta (sobre a Terra e o Sol)" é a continuación dos libros divulgativos que as científicas Carla Baredes e Ileana Lotersztain elaboran conxugando saber e coñecemento. Con ilustracións de Javier Basile, as explicacións acompáñanse tamén de datos curiosos e anécdotas que conseguen facer da lectura un exercicio ameno e divertido.
Recomendado para nenos curiosos entre 8 e 108 anos.
[Presentación editorial]

Seguinte páxina »